Esquerda Unida lembra que en decembro de 2018 o Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas acordou a proposta desta organización, iniciar o proceso de remunicipalización do servizo de abastecemento e saneamento.
O acordo de “Iniciar o expediente para a determinación da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento da auga e saneamento e depuración de augas residuais”, foi votado a favor por tódolos grupos que formaban parte, daquela, da Corporación Municipal e todos eles están presentes neste novo mandato.
Pola contra, a día de hoxe non se creou a comisión encargada de elaborar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión do servizo como paso previo á remunicipalización do mesmo.
Dada a complexidade do proceso, Esquerda Unida considera que non se debe demorar a súa tramitación, por iso levou a proposta a pleno con máis dun ano de antelación. Pola contra, o alcalde de Ponteareas parece non considerar urxente esta cuestión a pesares de que votou a favor dela. Lévanse perdidos xa oito meses sen que o alcalde fixera nada ao respecto, polo que Esquerda Unida teme que a intención do alcalde de Ponteareas e o seu equipo de goberno sexa a de obviar o acordo ata que chegue o punto de que o único que se poida facer sexa licitar un novo contrato.